O Concello de Rois e o Colectivo Remonte aprazan a Andaina por Parellas prevista para este sábado ante a previsión de calor extrema

Rois, 2 de xullo de 2026.– O Concello de Rois e o Colectivo Remonte, entidades organizadoras da Andaina por Parellas, informan do aprazamento da actividade, prevista para este sábado, 4 de xullo, debido á previsión de temperaturas moi elevadas e co obxectivo de garantir a seguridade e o benestar das persoas participantes.

Esta decisión adóptase seguindo as previsións meteorolóxicas difundidas polos organismos oficiais, que anuncian un episodio de calor intensa para a fin de semana. Tanto a AEMET como MeteoGalicia prevén un novo ascenso das temperaturas, con valores excepcionalmente altos para Galicia e máximas que, no interior da comunidade, poderán situarse preto dos 38 ºC, mantendo ademais unha situación de calor persistente. Así mesmo, o Ministerio de Sanidade, a través do sistema Meteosalud, activou para o sábado 4 de xullo a alerta laranxa (risco medio) por altas temperaturas, reforzando as recomendacións de prevención para evitar os efectos da calor, especialmente entre os colectivos máis vulnerables.

A organización considera que o desenvolvemento dunha actividade deportiva e de lecer ao aire libre nestas condicións pode supoñer un risco para a saúde das persoas participantes, especialmente nas horas centrais do día, polo que se opta por aplicar o principio de prudencia e responsabilidade.

O Concello de Rois e o Colectivo Remonte lamentan as molestias que este cambio poida ocasionar e agradecen a comprensión de todas as persoas inscritas. A actividade celebrarase nunha nova data, que será comunicada proximamente a través das canles oficiais de ambas as entidades.

Saúde.

Asoc. Colectivo Remonte